Contámosvos como foi a primeira viaxe Erasmus+ con alumnado da EPA
O 11 de xaneiro de 2026 comezamos a experiencia Erasmus+ da EPA de Vigo. Un grupo diverso formado por 11 alumnos e tres traballadores. Persoas algunhas descoñecidas entre si, pero unidas pola ilusión da viaxe e a vontade de que todo saíse ben.
A nosa foi a primeira mobilidade internacional con alumnado dentro do programa Erasmus Plus KA 121 que un centro de adultos fai en Galicia ao ser os únicos que contamos coa devandita acreditación. A mobilidade fíxose en colaboració n coa organización italiana con sede en Trieste Mimma Dreams onde recibimos formación e quen cunha organización impecable contribuíu ao éxito da experiencia.
Inclusión social, memoria histórica e valores europeos eran os obxectivos do proxecto. Todo iso fíxose real grazas ás visitas guiadas, os talleres na sede da ONG, o propio proceso da viaxe e a convivencia do grupo.
Mimma Dreams contactou co profesor da universidade de Trieste Stefano Pilotto para que nos acompañase os dous primeiros días. Con el percorremos a cidade, os seus monumentos e museos, os seus cafés e pastelerías… Trieste conta cun enorme patrimonio pero o primeiro contacto coa memoria histórica europea tivémolo o segundo día pola mañá cando nos achegamos a Foibe de Basovizza lugar de masacres ao cabo da guerra e o xoves cando visitamos o campo de concentración da Risiera dei santo Sabba. Este foi o momento máis emotivo da viaxe que nos deixou conmovidos ao mesmo tempo que fixo que os alumnos lembrasen as clases de historia europea do século XX recibidas e reflexionaramos xunto co propio profesor sobre a importancia de honrar a memoria das vítimas e non esquecer os ensinos do pasado. Visitar igrexas católicas, ortodoxas e bizantinas refrescou os nosos coñecementos de arte…, e mostrounos as semellanzas entre as devanditas relixións.
Inclusión social é máis que un obxectivo teórico no momento que no noso grupo había persoas de todas as idades, algunhas españolas outras europeas, algunhas das nosas alumnas nunca colleran un avión ou saíran das fronteiras de España. E cambiamos de fronteira cando collemos o avión no Porto, entramos en Italia e o terceiro día en Eslovenia onde en Liubliana traballamos a inclusión dentro do barrio de Metelkova Mesto centro da contracultura eslovena sita en antigos cuarteis militares iugoslavos.
A gran facilidade para atravesar fronteiras ensinounos a fortaleza do pasaporte europeo así como o feito de que unha alumna puxésese enferma e tivese que ir dous días ao hospital sen custo algún nin barreira burocrática grazas á tarxeta sanitaria europea, constituíu o noso propio descubrimento dos valores europeos.
Camiñamos moito e falamos máis. Comemos moi ben (e demasiado me temo). Rimos contándonos anécdotas da nosa vida. Aprendemos, convivimos, compartimos, coidámonos uns aos outros e conseguimos (ademais do diploma e de ver Venecia no inverno sen apenas turistas) que un grupo de persoas heteroxéneo de case descoñecidos cando empezou a mobilidade volvese da viaxe coa cohesión que da ter experimentado un gran crecemento humano e persoal. Grazas Erasmus.


