SAÍDA CULTURAL AO CASTRO DE VIGO

Visita aos túneles e ao asentamento castrexo da cidade.

O día 26 de xaneiro realizouse unha visita conxunta aos dous espazos históricos co alumnado da ESA de 2º e 3º da quenda da mañá. O guía comezou cunha explicación sobre o terreo do modo de construción da primeira muralla, propia para a defensa contra as armas de fogo, e os outros dous recintos de defensa levantados posteriormente. Chamounos a atención que Vigo sufrise durante toda a Idade Moderna tantos ataques e asedios; de ingleses, portugueses, outra vez os ingleses e os franceses. O mellor foi o percorrido polos túneles, cunha recreación audiovisual moi emocionante da resistencia no asedio de 1719 -moi heroica, aínda que acabase coa rendición da praza.

Despois, baixamos pola aba do monte para continuar coa visita guiada ao poboado castrexo, remontándonos varios séculos para facer outro percorrido moi didáctico, que algúns lles fixo recordar, curiosamente, o modo de vivir nas súas aldeas hai uns cantos anos.