O alumnado de EIPA visita o Concello e o Casco Vello de Vigo
O alumnado de EIPA xunto coas súas profesoras realizamos unha saída didáctica ao edificio do Concello de Vigo e ao seu casco histórico. Foi unha xornada na que tivemos a oportunidade de coñecer os espazos máis representativos da nosa cidade e descubrir como funcionan os diferentes servizos municipais.
Durante esta visita ao Concello, coñecemos o salón de plenos, onde todos e todas puidemos sentar nos postos que ocupan tanto o alcalde como os representantes dos distintos grupos políticos, coñecendo como se desenvolve a actividade neste espazo. Tamén percorremos outras dependencias, como as salas de prensa, o espazo de actividades socioculturais e o centro de control do tráfico desde onde se supervisa a circulación nas rúas de Vigo. Un dos momentos máis especiais foi a actuación do grupo da actividade de música e danza tradicional que nos agasallou cunha muiñeira.
A continuación, percorremos o casco histórico, paseando por algunhas das súas prazas e rúas máis emblemáticas. Detivémonos na praza da Princesa, coñecemos a biblioteca municipal e as súas posibilidades de uso, contemplamos os soportais e o antigo edificio do Concello. Achegámonos á Colexiata e ás casas máis antigas de Vigo, que datan dos séculos XV/XVI.
Foi unha xornada moi enriquecedora, na que combinamos aprendizaxe, cultura e convivencia, achegándonos á historia da nosa cidade e aos servizos e espazos que forman parte da vida cotiá da cidadanía.
