É a EPA multicultural ou intercultural? Reflexión sobre a convivencia entre culturas
A nosa realidade docente caracterízase por unha gran riqueza multicultural, mais cremos que a interculturalidade debe ser o noso verdadeiro obxectivo.
- Podemos convivir, compartir aula e espazos, mais sen que exista necesariamente un intercambio profundo nin unha interacción real.
- Podemos recoñecernos mutuamente, respectarnos e rexeitar calquera forma de discriminación.
- Pero tamén podemos quedar nunha mera «convivencia paralela», superficial ou pasiva, na que cada quen permanece no seu propio mundo, chegando mesmo a vivir illados ou a crear guetos.
Desde a Biblioteca Escolar queremos contribuír a derrubar esas barreiras e crear espazos de encontro e coñecemento mutuo: achegarnos ás outras persoas, descubrir as súas culturas, as súas historias, as súas experiencias e tamén aquilo que as trouxo ata aquí.
Só cando somos capaces de recoñecer no outro ou na outra unha persoa igual a nós, un compañeiro ou compañeira de viaxe, alguén con quen compartir aprendizaxes e construír un futuro común, desde o respecto á diferenza, podemos dicir que estamos aprendendo e ensinando desde ese lugar chamado liberdade.
