VISITA AO MERCADO DO PROGRESO

O pasado 15 de maio o alumnado de 3.º e 4.º de ESA visitou o Mercado do Progreso para coñecer o funcionamento deste tipo de espazos comerciais e fotografar a súa paisaxe lingüística (carteis, rótulos, letreiros…). Nas seguintes sesións do Ámbito de Comunicación, o alumnado analizou que linguas estaban presentes no mercado, cales salientaban e cales non, para que se empregaba cada unha e como incidían fenómenos como a globalización, a xentrificación, a turistificación ou a migración nos usos lingüísticos tanto da corporación xestora como das persoas concesionarias dos postos.

A investigación mostra un predominio claro do español como lingua vehicular na paisaxe lingüística dos diferentes postos, mais tamén un uso maioritario por parte da propia corporación, malia tratarse dun mercado público. No que atinxe ao galego, emprégase sobre todo nos nomes dos establecementos para connotaren autenticidade, calidade e a proximidade dos seus produtos; e tamén nas denominacións de peixes como rapante ou rodaballo, mesmo en carteis que empregan o español como lingua principal, ao penetraren como termos propios da variedade do español de Galicia.

 

 

A presenza doutras linguas é moi reducida. A única que se emprega como lingua vehicular é o inglés. Esta e outras linguas, como o italiano ou o francés, aparecen sobre todo vinculadas a marcas ou produtos estranxeiros á venda no mercado (p. ex. RoquefortStilton ou Guanciale).

En definitiva, a análise concluíu que o mercado está fortemente influído pola globalización e pola xentrificación: tanto a oferta de produtos como o perfil da clientela e dalgunhas persoas vendedoras cambiaron respecto do pasado. Pola contra, o impacto do turismo e da migración é moito máis limitado. Como principal proposta de mellora, o alumnado destacou a necesidade de aumentaren a presenza do galego na paisaxe lingüística do mercado.

Os resultados da investigación presentáronse o pasado 4 de xuño, no congreso «Spanish in Society», organizado pola Universidade de Bristol, mediante unha comunicación que serviu ao mesmo tempo para darmos a coñecer o labor do noso centro.